lunes, 11 de abril de 2011

A confianza mata ao galego

Velaquí unha característica moi nosa: a desconfianza. E, coma tal, existen numerosos refráns que falan dela e que a aconsellan: "Un pouco de caldo limpo e un pouco de desconfianza nunca lle fixeron mal a ninguén".

Lembro un dito que dicía a miña avoa: "Á porta do rezador non poñas o trigo ao sol, e á do que non reza nada, nin trigo nin cebada", o cal quería dicir que non te fíes do que reza nin do que non reza, ou sexa, non te fíes de ninguén.

É curioso que este sentimento tan noso de desconfiar de entrada de todo é coñecido internacionalmente; teño ouvido unha expresión castelá que di: "eres más desconfiado que un gallego".

En Galiza, para aconsellar a desconfianza existen refráns como: "da muller e do mar non hai que fíar", "non te fíes das cousas que vexas, apálpaas!", "non dura máis o leal ca o que lle deixa o traidor", "coida o ladrón que todos o son", coa variante "coida o ladrón que todos son da súa condición", ou "quen moito desconfía, ladrón é", que ven dicir o mesmo que aqueloutro: "o que se queima, tén o rabo de palla". Éste último tén o seu equivalente castelán (hoxe quizais máis coñecido que o galego, desgraciadamente): "quien se pica, ajos come". Estes últimos refráns teñen un aquel de curiosos pois trátase de desconfiar do que desconfía, o cal xa é realmente retranqueiro, sobre todo tendo en conta que aqui todo o mundo desconfía. Quizais haberá que desconfiar do que non desconfía!

Algúns dos máis curiosos teñen moito que ver coa igrexa: "coidado coas bestas que nin confesan nin van á misa", "cando a limosna é moita ata o santo desconfía".

Outro refrán curioso para desconfiados/as é aquel que dí: "os cobertores matan moitas conversacións" cuxa explicación non é outra que a de que hai que desconfiar da xente que marmura ou fala ás agachadas. 

Podedes acreditar no que digo ou non fiarvos, que xa se sabe: "alcalde de vara verde e muller de pouco importa, non hai que fíar deles cousa".

En todo caso, "todos son bos, e a miña capa non aparece".